Grazas (e seguimos a elo)

Outubro 9, 2008

Moitas grazas ós que vos achegastes a esta páxina para descargar as alegacións para evitar que unha autovía se cargue o Parque Natural da Serra da Lastra. Foron en total 19 descargas e cónstanos que en cada caso enviáronse múltiples alegacións se ben non podemos cuantificalas con seguridade. Gracias tamén ós que o fixeron fora de prazo, como meu irmán Michi, quen xuntou 16 alegacións e enviounas un día tarde (ehem). É moi importante que este esforzo non quede en nada.

O seguinte será iniciar unha recollida de sinaturas para o cal contactaremos con colectivos que tamén alegaron como Verdegaia, Adega, Amigos da Terra e a Sociedade Galega de Historia Natural. Apoiaremos ademais a idea de Amigos da Terra de acudir directamente ó Parlamento Europeo. Se se xogan os cartos das subvencións non se andarán con coñas.

Ademáis dos blogs (Galicia non se vende) e o portal de novas galegas Chuza, a historia tamén tivo repercusión nos medios tradicionais, sobre todo en La Voz de Galicia, que lle adicou ó asunto dúas primeiras en Ourense. Hai que facer máis ruído así que seguiremos informando.


Mañá remata o prazo de presentación de alegacións

Outubro 3, 2008

E como mañá é sábado e en moitos Concellos non se traballa, hoxe é o último día para presentar as alegacións no Portelo Único.

Para presentar unha alegación, non tes máis que descargar este modelo, inserir os teus datos e presentalo no teu Concello, se ten Portelo Único.

Se queres envialo por correo certificado, ainda tes un día máis. O enderezo ao que enviar a alegación é:

DEMARCACIÓN DE ESTRADAS DO ESTADO EN GALICIA
Concepción Arenal 1-1º
15006 A Coruña.

Grazas pola vosa colaboración


Multan a escaladores, pero deixan meter tuneladoras

Outubro 1, 2008

Aquí temos un vídeo cunha entrevista ao director do Parque da Serra da Lastra, Alfonso Fumega, onde defende as multas aos escaladores.

Resulta curioso pensar que unha ducia de persoas gabeando polas rochas provoquen un dano medio ambiental que cómpre frear e por outra banda deixar pasar unha autovía polo medio e medio.


O prazo remata o 4 de outubro

Setembro 30, 2008

Esta semana que comeza é a última para os particulares para presentar alegacións ó trazado da A-76. Ata o 4 de outubro. Despois o Ministerio de Medio Ambiente terá que dar o visto bó definitivo ó estudio informativo, o cal Fomento ten asegurado, que se fará rápido (noutros casos teñen tardado varios anos) e que as obras deberían comezar antes de dous anos.

Non hai tempo que perder. Imprimide as alegacións e presentádeas. Cantas máis mellor. Tan só tedes que por os vosos datos e asinalas ó final. Cen alegacións son mellor que cen sinaturas nunha. Hai que chamar a atención sobre este asunto. Que o Ministerio saiba que non pode pisotear o noso territorio, ou si, pero antes terannos que oir.

Se enviades alegacións por favor avisade mediante un correo electrónico e así as contabilizamos para facer despois campaña mediática. Salvemos A Lastra!


Como presentar a alegación

Setembro 27, 2008

Quen?
Calquer cidadán.

Onde?
En calquer Concello con Portelo Único ou en Correos.

Como?
Descarga o modelo de alegación en galego ou o modelo de alegación en castelán que podedes presentar co voso nome e datos en calquera Concello con Portelo Único

A alegación tamén pode presentarse por correo. Calquer oficina de Correos funciona como rexistro. Hai que meter a alegación nun sobre e dirixila a:

DEMARCACIÓN DE ESTRADAS DO ESTADO EN GALICIA
Concepción Arenal 1-1º
15006 A Coruña.

Para que o rexistro sexa válido coa data tedes que certificar a carta (custa un pouco máis, un euro e pico) e levar unha copia dunha das follas para vos poñan o sello coa data e que sexa válido para o rexistro.